Entrevista co presidente de AGASOL, Xavier Vázquez: "A asociación era algo necesario"
Doce empresas galegas de software libre únense para a colaboración, a promoción e a
representación perante a Administración.
Redacción - 17:15 06/08/2007
Tags: AGASOL entrevista software libre Xavier Vázquez
Javier Vázquez, presidente de AGASOL
A Asociación de empresas galegas de software libre, AGASOL, constituíuse o 1 de agosto
coa unión de doce sociedades: Aitire, Allenta, Bora Telecom, Igalia, Imagos, Inforede,
Pexego, Redegal, Signo, Tegnix, Ultreia Comunicaciones e Wireless Galicia. O presidente
da asociación é Xavi Vázquez, da empresa coruñesa Igalia.
Vieiros: Como xurdiu a idea de fundar a asociación?
Xavier Vázquez: En liñas xerais, a idea xorde pola necesidade de cubrir un oco: a falta
dunha interlocución colectiva de empresas que traballan ao redor do software libre, e tamén
pola iniciativa xa existente noutras comunidades, que podería confluír na creación dunha
federación de asociacións a nivel estatal.
V: Pensan que, deste xeito, estando organizados, se poderá conseguir máis implantación
do soft libre, por exemplo, nas administracións?
X. V.: É difícil dicilo pero, en todo caso, a Administración Pública galega terá xa un
interlocutor válido cando queira contactar coas empresas de software libre de Galiza. Ao
ser o software libre unha ferramenta citada de forma explícita no PEGSI, era necesario ter
un interlocutor empresarial. Dende logo, a nosa idea é axudar a administración a cumprir co
estabelecido no PEGSI. Dende AGASOL, ofrecémoslle apoio e asesoramento.
V: E como ve a situación do software libre na actualidade en Galiza, tanto no eido das
empresas como nas administracións e mesmo entre os usuarios comúns?
X. V.: Pois, referíndonos aos informes nos que se basea o PEGSI, a situación non é boa,
nin nas empresas, nin na administración, nin entre os usuarios. En todo caso, non creo que
sexa relevante coñecer a situación do software libre en particular, senón da sociedade da
información en xeral. O software libre é unha ferramenta, unha fórmula para facer as
cousas de forma diferente, unha oportunidade para as empresas, os usuarios e a
administración.
V: E, nese aspecto, estámonos achegando a Europa e ao resto do Estado ou aínda hai
moito por facer?
X. V.: A verdade, como din os informes, non estamos preto nin de Europa nin da media
española, pero non coñezo os últimos informes, non sei se hai converxencia agora mesmo.
Haberá que esperar un tempo para ver se as medidas postas en marcha polo novo goberno
teñen efecto. A nosa realidade é estar no vagón de cola da UE e España, e isto non vai
cambiar en 6 meses.
V: Agora mesmo en AGASOL están doce empresas, pero supoño que está aberta á
incorporación de máis firmas. É un sector en expansión en Galiza?
X. V.: Estamos abertos a máis empresas, de feito estou seguro de que haberá moitas
incorporacións en canto AGASOL sexa unha realidade tamén no formal, cando se resolvan
os temas burocráticos. A partir de setembro, iniciaremos a actividade e haberá novas
empresas. Falando do sector, non penso que sexa algo en expansión en Galiza, senón no
mundo. O negocio a carón do software libre está a crecer en todo o mundo, e loxicamente
as empresas e administración galegas considérano tamén como unha alternativa válida.
V: Teñen previsto algunha presentación oficial para setembro?
X. V.: En setembro iniciaremos a actividade. Até o de agora, limitámonos a darlle
publicidade á iniciativa. Pero nunhas semanas haberá unha busca moito máis activa de
novos socios. Non haberá presentación oficial ante os medios, pero si participaremos en
diversos actos no último trimestre do ano.
V: Que expectativas teñen no que se refire á marcha da asociación?
X. V.: Persoalmente, creo que AGASOL era algo absolutamente necesario. As expectativas
son boas, porque hai ilusión e compromiso, e ganas de colaboración, o máis importante
nunha iniciativa deste estilo.
V: E como vai ser o funcionamento de AGASOL nos seus primeiros meses de vida?
X. V: Nos primeiros meses, participaremos en actividades que sirvan para dar a coñecer a
existencia da asociación e conseguir novos asociados, reuniméronos cos interlocutores
válidos na Administración para presentarnos e prestarlles o noso apoio, poremos en marcha
as ferramentas internas de traballo e, case o primeiro, contrataremos a persoa que leve a
xerencia. AGASOL ten 3 patas básicas: promoción, interlocución e colaboración de
negocio. A primeira na orde de prioridades para as empresas de AGASOL é a colaboración
de negocio, porque inclúe as outras dúas, promoción e interlocución. O que fai falla agora
mesmo é apoiar o crecemento e consolidación das moitas pequenas empresas que están a
nacer ou a entrar a facer cousas con software libre. Cara a aí irán os primeiros pasos de
AGASOL: presentar a web, contratar o xerente e fixar os primeiros encontros coa
Administración, así como fixar os foros nos que imos participar, serán as tarefas concretas
das próximas semanas.